O BNG recupera a alcaldía de Fene tras lograr un pacto coas forzas de esquerdas
Juventino Trigo, Alcalde de Fene
Despois de medio ano cunha situación de anormalidade democrática no concello de Fene, as forzas progresistas e de esquerdas fixeron valer a maioría absoluta que lles outorgaron os votos do pobo para pór fin a un goberno sen rumbo, sen proxecto e sen apoios dentro da súa propia organización.
Juventino Trigo volve ser o alcalde Fene grazas ao apoio dos seus seis concelleiros e concelleiras, de tres concelleiras do grupo socialista e da concelleira de Esquerda Unida. Con estas organizacións formarase nos vindeiros días un goberno de coalición e de entendemento co que se poderán realizar moitos proxectos ilusionantes para o Concello; o dito acordo será público no mesmo momento no que estea redactado.
Desde o BNG de Fene damos as grazas a toda a nosa militancia e simpatizantes polo apoio recibido durante todo este tempo. Como sempre, a nosa promesa é a de traballar arreo para que Fene funcione de novo e para que o noso concello volva ser o referente comarcal que ten sido durante décadas.