PROGRAMA ELECTORAL 2023-2027

Portada Ito

 

 

 

 

Unha nova Galiza, concello a concello!


A política municipal do BNG transforma a mellor as nosas vilas e cidades, os nosos concellos, cun espazo público recuperado para as persoas, vivo e democrático. Con políticas que apostan pola calidade de vida, a convivencia e a cohesión social. Con proxectos que favorecen o desenvolvemento económico, o produto e o comercio local, a posta en valor do patrimonio... E con apoio á lingua e á cultura, á creatividade, á innovación e ás boas ideas. Queremos concellos vivos
e con futuro.


Democracia e dereitos

Os concellos BNG defenden a cohesión social, a convivencia, a participación, os dereitos.


Desenvolvemento económico
Os concellos BNG aproveitan as capacidades do territorio, desenvolven proxectos dinamizadorese apostan pola economía local.


Identidade
Os concellos BNG potencian a lingua galega, apoian o tecido cultural e promoven a posta en valordo patrimonio e dos recursos locais.


Igualdade
Os concellos BNG son concellos feministas, activos e comprometidos con poñer fin á discriminación de xénero.


Sustentabilidade
Os concellos BNG protexen os recursos ambientais, naturais e produtivos para defender a terra e desenvolver o potencial do territorio.

Fene con máis e mellores servizos públicos

A extensión e renovación dos servizos básicos en todas as parroquias foron e son unha prioridade: auga, saneamento, pavimentado de camiños e alumeado. Apostamos pola eficiencia e a modernización do concello nos edificios municipais, na rúa e nas accións que desenvolvemos.

Fene accesíbel e inclusivo

Melloramos a mobilidade urbana con novas beirarrúas e prazas accesíbeis para todas as persoas.
En Fene imos seguir coa igualdade como bandeira, con políticas activas e inclusivas, actuando contra todo tipo de discriminacións desde todos os eidos.

Fene con emprego e vivenda de calidade

Potenciamos a formación profesional e impulsamos o emprego local a través de Plans de
emprego. Traballamos nun PXOM novo e útil que favoreza a construción e a rehabilitación de
vivenda, zonas verdes e equipamentos sociais, así como a consolidación industrial.

Fene coa cultura e coas actividades sociais

Promovemos unha axenda cultural anual de calidade, en galego e para todos os públicos.
Apoiamos e colaboramos coas sociedades nas súas iniciativas. Promovemos novos
equipamentos, como un establecemento turístico no parque Castelao e un auditorio para música,
teatro e baile.

Fene, un concello referente no país

Somos un concello ben comunicado no que temos industria, comercio e hostalaría, mais tamén
Museo do Humor, parque de educación viaria, parques infantís, prazas e unha arquitectura
singular. Moita calidade de vida con emprego, vivenda, sanidade, educación, cultura e bos
servizos.


Queremos Máis!


Propostas por áreas


1.-Servizos municipais públicos eficientes


Potenciaremos uns servizos municipais públicos e eficientes, recuperando para o servizo público o
abastecemento e saneamento.
Elaboraremos un plan cuadrienal para completar a rede de servizos básicos (auga, rede de saneamento, alumeado e asfaltado de camiños).
Continuaremos modernizando o alumeado público a través dun plan cuadrienal que nos permita unha maior eficiencia e aforro enerxético e o uso de enerxías limpas e renovábeis.
Renovaremos o parque móbil municipal
Melloraremos na recollida do lixo, potenciando a recollida selectiva.
Seguiremos cunha previsión axeitada da limpeza e acondicionamento de zonas verdes e praias.
Logo da renovación dos parques infantís, pularemos pola cuberta progresiva dalgún deles.
Faremos un plan de actuación para a mellora dos edificios municipais.
Ampliaremos o aparcadoiro do cemiterio municipal e adxudicaremos a nova fase de nichos e columbarios.
Participaremos no mantemento e mellora da rede de transporte metropolitano e xestionaremos a súa ampliación coa creación de novos itinerarios de buses urbanos.
Reforzaremos o servizo da policía local dotándoa dun mando e dun certo nivel de especialización por áreas.
Melloraremos os medios materiais e de formación de Protección Civil.


2.-Urbanismo


O Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) debe ser o guieiro básico da actuación do Concello. Fene redactou o seu primeiro Plan en 1975, aprobando revisións en 1985 e no 2003.
Dende o ano 2008 estivo paralizada a terceira revisión do plan. Agora estase a avanzar de xeito notábel neste traballo. O PXOM é un elemento de planificación que ten que elaborarse colectivamente e de xeito consensuado para logo presidir todas as iniciativas municipais.
Ofrecemos, xa que logo, unha revisión participativa, aberta a toda a sociedade, con explicacións exhaustivas nas parroquias e na Casa do Concello das ideas-forza da revisión do documento urbanístico.
O exemplo das modificacións puntuais realizadas co apoio unánime do Pleno e a satisfacción da veciñanza son exemplos do traballo ben feito. Seguiremos facéndoas paralelamente á revisión do conxunto do PXOM.


As ideas forza que presentamos para a revisión do PXOM son as seguintes:


1º Reducir a edificabilidade, pasando de vivenda en altura a vivenda unifamiliar todo o que se poida, fundamentalmente nas APE (áreas de planeamento específico) actuais. Isto vai implicar a redución de sección de moitos viarios e incluso a eliminación de algún dos actuais.


2º Cambiar o SRAU (solo rústico apto para urbanizar) por solo de NR (núcleo rural) para favorecer a vivenda unifamiliar onde xa a hai con servizos, camiños públicos, auga, luz e saneamento.


3º Apostar decididamente pola Ronda oeste dende o Rego da Moa ata o Penedo entrando á rotonda da Avenida das Pías polos terreos de Navantia. Esta medida transformará o centro de Fene e Perlío, así como a Porta do Sol, Avenida Naturais, Avenida das Pías e Avenida Marqués de Figueroa en rúas para as persoas.


4º Manter as zonas verdes do actual PXOM, ampliándoas nas zonas afectadas polo POL (plan de ordenación do litoral) nas ribeiras do río Magalofes, o Cádavo e o Baa. Hai que ensanchar o parque lineal do Cádavo dende Fene á desembocadura para liberar as zonas inundables.


5° Potenciar a reforma interior dos núcleos urbanos, tanto dos tradicionais (Foxas, Chao da Aldea) coma os modernos (Fene, Perlío, San Valentín), favorecendo a rehabilitación da vivenda.


6° Dotar ao Concello de chan para novos equipamentos: centro saúde, auditorio, centro de día, residencia de maiores, zonas verdes, apertura rúas e tamén para vivenda pública, servizos de limpeza, aparcadoiros disuasorios.


7º Crear plans especias de actuacións singulares en camiños urbanos privados que están a causar moitos problemas á veciñanza.


8° Recuperar as figuras de contribucións especiais como alternativas ao desenvolvemento das APE.


9° Facilitar a instalación de enerxías renovábeis para autoconsumo.


3.-Medio ambiente


Reforzarase a área de persoal técnico e policial e campañas de concienciación e recursos específicos.
Potenciarase a educación ambiental a través dos centros educativos.
Potenciarse a recollida selectiva promovendo a compostaxe caseira.
Avaliarse a eficiencia enerxética de todos os equipamentos municipais: edificios, alumeados, parques, etc.
Elaborarase unha ordenanza municipal de parques e xardíns, regulamentando o seu uso e incluíndo un protocolo de plantación.
Protexerase e posta en valor das ribeiras dos ríos, nomeadamente o Belelle, o Baa, o Cádavo, o Magalofes e o Xarrón.
Vixiarase e farase seguimento das plantacións e talas forestais, así como a reposición de camiños logo dos traballos forestais.
Faremos campañas específicas sobre especies invasoras (velutinas, eiruga asiática, herba da pampa...)
Coa adxudicación e próxima posta en marcha do punto limpo en Vilar do Colo, Fene contará cun servizo básico en materia de reciclaxe que deberemos potenciar nos vindeiros anos.
As nosas mascotas merecen un tratamento axeitado. Seguiremos colaborando coas entidades protectoras dos animais, así como fomentando o uso axeitado dos espazos públicos para mascotas.
Crearemos o catálogo local de árbores e masas arbóreas senlleiras
Deseñaremos un miradoiro no antigo vertedoiro do monte Marraxón.
O soterramento das liñas de alta tensión non é só unha cuestión con importancia medioambiental, senón tamén unha cuestión de calidade de vida. Seguiremos facendo as xestións oportunas para que as administracións competentes asuman e realicen o soterramento das liñas de alta tensión.
Ademais das actuacións do propio Concello precisaremos a implicación dos veciños e veciñas.
Continuar con campañas de concienciación en temas medioambientais será un sinal de identidade das nosas políticas na materia.
O fomento do transporte público ten sido unha das bandeiras das nosas propostas para o concello nos últimos anos. A nosa reivindicación dun transporte público axeitado ás necesidades da poboación de Fene seguirá sendo fundamental.


4.-Promoción económica


A economía de Fene xira en torno a catro sectores básicos: industrial, Navantia, o marisqueo e o sector servizos.
Continuaremos reivindicando a posta en produción de Astano. A comarca de Ferrol en xeral e Fene en particular levan 250 anos vivindo da construción naval. A Navantia de renovábeis ten que ser compatible coas construción e reparación naval. Resulta difícil imaxinar un futuro de costas á ría.
Completar a rexeneración da ría e xerar novas áreas produtivas para o marisqueo é outra necesidade imperiosa. Logo da posta en marcha da EDAR (estación depuradora de augas residuais) norte e sur compre rexenerar paulatinamente a ría recuperando zonas de lodos e demandando a retirada de recheos colocando tubaxes ou piares para facilitar a recuperación natural (a ponte do tren e a ponte das Pías). Só unha insistente e intensa presión cidadá logrará que se avance coa rexeneración.
Ademais, o Parque Empresarial de Vilar do Colo está chamado a ocupar o papel para o que estaba pensado; un polo de desenvolvemento económico e industrial, diversificador da oferta empresarial do noso Concello. Presentaremos propostas para impulsar o seu desenvolvemento.
A administración debe ser eficiente, eficaz e áxil, coa mentalidade sempre de servizo á cidadanía, por iso axilizaremos a concesión de licencias de obras e actividades.
No sector servizos, apostaremos pola mellora do casco urbano de Fene e o apoio ao comercio e servizos locais, buscando un atractivo para a configuración de zonas comerciais puxantes.
Planificaremos, como viñemos facendo ata agora, actividades conxuntamente co comercio local e tomaremos medidas como a apertura de novas rúas para desconxestionar e configurar malla urbana, así como o establecemento de novas áreas de aparcamento na parroquia de Fene.
As medidas de apoio a emprendedores/proxectos empresariais feitos por mozos e mozas ou que xeren emprego xuvenil serán promovidas a través de asesoramento e apoio gratuíto, para a realización do proxecto e busca de financiamento.
Elaboraremos un plan de dinamización turística de Fene, en coordinación coa comarca, para definir os recursos turísticos de Fene e planificar as actividades de promoción, continuando o proxecto Ven a Fene iniciado no ano 2017. O Camiño de Santiago, o Museo do Humor, o parque de educación viaria, o Museo de Astano, o entorno do Belelle e a fervenza, o do río Baa, a arquitectura indiana e tradicional, son elementos que é necesario pór en valor dun xeito planificado, así como as numerosas actividades que organizan as sociedades e o propio concello e que son referentes no seu ámbito. Faremos un albergue turístico na antiga Casa de Cela do parque Castelao.
As praias de Limodre son tamén un factor de atracción de importancia, polo que é necesario seguir con melloras dos seus accesos logo de ter habilitado áreas de estacionamento e liñas de balizado de seguridade. Outra actuación de importancia é a zona portuaria de Barallobre –Maniños, onde desenvolveremos proxectos para configurar unha zona de lecer e de deporte ligado ao mar. A creación dun estacionamento de autocaravanas será outra medida que atraia visitantes a Fene.
O noso patrimonio seguirá a xogar un importante papel e velaremos pola súa conservación e mantemento. Pero ningunha destas medidas poderá separarse do camiño cotiá do noso Concello. O traballo do día a día tamén axuda ao desenvolvemento económico de Fene. O coidado das infraestruturas, o mantemento e a atención aos distintos servizos públicos con planificación de actuacións nas distintas áreas farán de Fene un Concello coidado e acolledor.


5.-Formación ocupacional e emprego


Preténdese recuperar o papel pioneiro que xogou o Concello de Fene no terreo da formación ocupacional, estudando as fórmulas de relanzamento da Área de Formación e Emprego “Pancho Allegue”. Nisto estamos traballando xa e sinalamos algunhas das liñas de actuación:

Accións formativas para persoas desempregadas con financiamento municipal, aproveitando os recursos e instalacións das que dispón o Concello, naquelas especialidades que poidan atopar saída laboral e que sirvan a súa vez para paliar as carencias da formación regrada e o abandono desta por unha parte da xuventude.
Solicitar á Xunta de Galicia unha nova escola obradoiro ou obradoiro de emprego como fórmula para ofrecer formación ás persoas en desemprego, na procura dunha saída laboral.
Dar continuidade aos convenios de colaboración ao obxecto de contratar persoal desempregado para a realización de obras de interese social.
Proseguir as actividades de promoción e fomento dos emprendedores, entre as que se inclúen a asesoría e acompañamento de proxectos, accións formativas e informativas de promotores, elaboración de plans empresariais, seguimento e titorización dos proxectos empresariais en xestación e formación e divulgación de fórmulas cooperativas e de economía social.
Crear un plan de emprego municipal coordinado cos diferentes plans provinciais e autonómicos.
Seguir creando e potenciando bolsas de substitucións do persoal municipal.


6.-Sanidade, benestar social, cooperación e solidariedade.


Poder ofrecer óptimos niveis de calidade de vida aos veciños e veciñas de Fene ten sido, historicamente, o motor das nosas propostas en materia de benestar social.
Cremos que o benestar vai moito máis aló dos servizos básicos, por iso buscamos poñer en marcha propostas públicas de calidade que faciliten que Fene sexa referente en canto a calidade
de vida. Políticas dirixidas a diversos aspectos da vida social, colectiva e individual, dos veciños e veciñas de Fene.
Para eles e elas seguiremos a facer propostas en sanidade, benestar social e noutros aspectos fundamentais como a cooperación e solidariedade dos feneses e fenesas coas persoas menos favorecidas alén as nosas fronteiras municipais e dentro delas.


6.1.-Sanidade
Dende o BNG entendemos que a saúde ten máis que ver co que entende a OMS, como o benestar físico, psíquico e social das persoas, que o que ten que ver coa a ausencia de enfermidade. Por iso, na nosa estratexia política estes aspectos teñen unha importancia fundamental para acadar un desenvolvemento óptimo do que, ao noso entender, é calidade de vida.
Así as cousas, a saúde, entendida tanto no seu aspecto colectivo como individual, é unha das prioridades das nosas propostas programáticas e, por iso, non queremos renunciar a ningún dos proxectos pensados para unha mellor calidade asistencial á nosa veciñanza.
As nosas propostas céntranse en desenvolver e mellorar a asistencia coa que contamos e ir máis alá do paliativo, achegando aos veciños e veciñas propostas de carácter preventivo que permitan unha mellor calidade de vida.
Esixiremos diante da Xunta de Galicia o mantemento do número de profesionais sanitarios en Fene ampliando os servizos asistenciais e cun novo centro de saúde na Avenida Tarrío.
Esixiremos da Xunta de Galicia a continuidade do funcionamento do centro de saúde de Maniños.
Seguiremos a traballar na oferta de programas de educación para a saúde así como campañas de fomento de hábitos de vida saudábeis.
Achegaremos á xente información e formación sobre temas de saúde.
Seguiremos con programas preventivos de adicións, con ofertas específicas dirixidas á mocidade.
Seguiremos traballando cos centros de ensino para promocionar hábitos saudábeis e unha cultura da prevención dende a infancia. Estenderemos un programa informativo, educativo e de asesoramento na materia das relacións afectivo-sexuais dirixida a diferentes grupos de idade.


6.2.-Benestar
Potenciaremos os servizos sociais existentes ata convertelos nunha canle normalizadora na que os distintos aspectos do procesos de integración teñan confluencia, inserción económica e social, cultural e comunitaria dos veciños e veciñas de Fene que están en risco de exclusión ou que, polas súas características, poden situalos en situación de fraxilidade social.
Promoveremos actividades de ocio saudábel que faciliten as relacións interxeracionais.
Crearemos servizos imprescindíbeis para a sociedade de Fene como un centro de día para a terceira idade.
Seguiremos impulsando a eliminación de barreiras arquitectónicas para facer de Fene un pobo accesíbel.
Promoveremos programas conxuntos e transversais de promoción e dinamización social, prevención primaria e secundaria, sensibilización social, conciliación, normalización lingüística, difusión, coñecemento e tolerancia intercultural. Programas que faciliten o coñecemento interpersoal e o desenvolvemento individual a través da relación e a convivencia entre as persoas.
Demandaremos a ampliación do actual centro da terceira idade e a súa reconversión nun centro socio-comunitario con cabida para intervencións e actuacións multisectoriais e interxeracionais.
Converterase nun centro de iniciativas no que se promoverán servizos especialmente dirixidos a este grupo poboacional, información sobre servizos e recursos sociais, información sobre avellentamento saudábel, ou a posibilidade de converter o centro nunha “escola de convivencia” e fonte de coñecementos na que os nosos maiores poidan transmitir as súas experiencias e saber ás novas xeracións.
Seguiremos traballando para axudar ás persoas en situación de dependencia, mellorando e ampliando os servizos existentes.
Seguir a introducir propostas que faciliten a conciliación da vida laboral e familiar, como a posibilidade de implantación de servizos de atención á infancia, o servizo de canguros ou o acompañamento á actividades.
Os programas específicos dirixidos á mocidade seguirán a ter un papel principal nas nosas propostas, programa de prevención das adicións, información afectivo-sexual, etc.
O apoio municipal ao acceso á vivenda plasmarase na procura de terreos para a construción de vivendas sociais. Unha parte desta oferta irá dirixida a menores de 30 anos.
A axuda para a rehabilitación e adaptación de vivendas ás necesidades de mobilidade dos seus habitantes será outro dos eixos nas nosas propostas en canto a accesibilidade.


6.3.-Cooperación e solidariedade
Fene ten demostrado ser un pobo solidario. Os seus veciños e veciñas téñense amosado sempre dispostos a responder aos requirimentos de cooperación e solidariedade que se lle teñen proposto.
Baixo esta óptica, a participación no Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade será un activo nas nosas políticas de cooperación e incrementaremos a achega económica do Concello.
Ademais seguiranse apoiando iniciativas serias e rigorosas dirixidas aos menos favorecidos.
Continuaremos apoiando o programa Vacacións en Paz para nenas e nenos saharauis.
Outro dos eixos sobre os que se ten apoiado a actividade municipal ten sido o apoio ás iniciativas de voluntariado. Cos voluntarios e voluntarias de Fene téñense realizado moitos programas de cooperación e solidariedade. A nosa proposta é seguir traballando con eles e elas e prestixiar o seu esforzo na nosa sociedade.
Crearemos unha Oficina do Voluntariado a través da que poder focalizar todas as iniciativas de voluntariado, así como os proxectos solidarios que poidan xurdir das propias persoas que participen neste programa. Para o desenvolvemento destes programas cremos importante investir na formación básica dos voluntarios e voluntarias apoiando a súa capacitación para poder afrontar unha atención de calidade.


7.-Igualdade, mocidade, participación cidadá e sustentabilidade


Os catro temas que agrupamos neste apartado teñen, ao noso xuízo, necesidade dun tratamento transversal, xa que precisan incidir en todas as áreas municipais para acadar un desenvolvemento efectivo. Ningunha destas materias faría a súa función nin tería un desenvolvemento efectivo das súas propostas se fixésemos delas un tratamento illado e sen integración nas distintas áreas da organización municipal.


7.1.-Participación cidadá
Dende a nosa perspectiva, o Concello é a casa de todos e cada un dos veciños e veciñas de Fene. Por iso, todas as áreas municipais teñen que ser exemplos de transparencia e espazos de participación, colectiva ou individual. A accesibilidade aos concelleiros e concelleiras do BNG e ao seu alcalde será unha constante na nosa forma de traballar durante o noso mandato.
Ademais, seguiremos traballando conxuntamente co movemento asociativo do Concello, así como cos distintos órganos de participación cidadá establecidos nas distintas áreas.
O principal instrumento da acción municipal, o orzamento anual, converterase nun auténtico instrumento de participación, nun orzamento verdadeiramente participado e aberto á intervención da cidadanía.
Os proxectos municipais serán de todos e todas, de público coñecemento máis aló das páxinas dos boletíns oficiais ou as actas municipais. Crearemos un aula de difusión de grandes e pequenos proxectos nos que presentar á cidadanía os plans en execución ou en carteira.


7.2.-Igualdade
Garantir a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres será un dos eixos que marcarán as políticas a desenvolver polos concelleiros e concelleiras do BNG.
A necesaria integración de visión de xénero en todas e cada unha das actuacións municipais será unha das máis valiosas ferramentas coas que lograremos unha axeitada atención aos temas de xénero.
Daremos continuidade aos Plans Municipais de Igualdade elaborados no pasado. Avaliar o seu funcionamento e, á luz das conclusións da avaliación, planificar futuras actuacións.
Abriremos novas canles de participación a través do Consello Sectorial das Mulleres de Fene.
Seguiremos a fornecer e impulsar o sistema creado de servizos de atención á muller. Como non podería ser doutro xeito, darémoslle continuidade ás políticas de prevención da violencia de xénero.
Buscaremos a implicación dos centros de ensino para continuar a programación de actividades de sensibilización sobre a coeducación e a educación non sexista.
Estableceremos nos programas específicos para a mocidade módulos nos que se traten os aspectos de xénero.


7.3.-Mocidade
Para os homes e mulleres que traballamos no BNG de Fene a atención á mocidade é un dos aspectos que nos parecen máis importantes no desenvolvemento dun pobo, por iso entendemos que ten que ser tratado como un elemento transversal a todas as áreas do goberno local. Por iso quixemos facer propostas específicas nas distintas áreas.
En moitas ocasións, o asociacionismo xuvenil só ten como eiva a dificultade de atopar lugares de encontro; por iso, para nós é un compromiso habilitar un espazo dirixido especialmente á mocidade e ao asociacionismo xuvenil no centro sociocultural que promoveremos.
Facilitarase o acceso ás instalacións deportivas e socioculturais municipais para a mocidade.
Darémoslle un novo pulo á oficina de información xuvenil, en canto a fomentar a información sobre oferta educativa, profesional, ou sobre axuda a xoves emprendedores/as ou que xeren emprego xuvenil.
Impulsaremos un programa específico de lecer para as tardes e as noites da fin de semana.
Estableceremos unha nova vía de colaboración do concello cos centros educativos para o desenvolvemento de actividades culturais e formativas de interese artístico, lingüístico, etnográfico, económico ou ambiental.
O parque de educación viaria servirá como canle impulsor de medidas e campañas que fomenten a condución segura.
Crearemos un hub dirixido á mocidade onde se integre a web municipal, as redes sociais do Concello e a radio municipal, que servirán de plataforma de difusión de fácil acceso onde a mocidade poida participar, crear e atopar información de interese.


7.4.-Sustentabilidade
Toda a acción do goberno terán que conter este principio. A xestión municipal deberá optimizar todos os gastos e todos os consumos. A idea do sostíbel vai máis alá dun obxectivo ambiental; ten que ter un alcance no económico, no urbanístico, no emprego público, na atención á cidadanía, e en calquera outro ámbito de actuación da política municipal.
A calidade debe ir parella á sustentabilidade. Todos os procedementos estarán guiados pola eficacia, a eficiencia e a satisfacción.


8.-Cultura, ensino, deportes, normalización lingüística e tecnoloxías da comunicación


Máis alá da cobertura das necesidades básicas, as persoas precisamos elementos que contribúan ao que demos en chamar benestar social. O acceso a unha formación educativa completa e de calidade, o acceso e a promoción da nosa cultura ou a posibilidade de acceso á práctica deportiva son elementos que contribúen ao desenvolvemento dos pobos e, ademais, o son na medida na que podemos ser partícipes delas.


8.1.-Cultura
A nosa realidade cultural é un dos nosos sinais de identidade como pobo. Un dos elementos quemáis dificulta un salto cualitativo nas expectativas culturais nestes momentos en Fene é a falta deinfraestruturas con equipamentos culturais axeitados que permitan pór en valor as diferentes manifestacións e producións culturais e o noso potencial creativo. Trátase ademais dunha das demandas máis persistentes do movemento asociativo cultural nos últimos anos.
Así pois, a principal liña de actuación nesta área será construír e poñer en funcionamento o centro sociocultural polivalente que permita que Fene poida desenvolver unha programación cultural ampla e diversificada, creadora de hábitos e consumos culturais e que poida responder aos intereses máis variados. Esta infraestrutura precisará dun importante esforzo de xestión diante doutras administracións que non dubidaremos en afrontar.
A Casa da Cultura e o Museo do Humor manterán unha programación propia en tanto non se realice o centro sociocultural.
Nun paso máis na cooperación co movemento asociativo parroquial e cultural, que sempre formou parte da nosa actuación no goberno, promoveremos un convenio de colaboración con estas entidades para poder programar actividades nas súas instalacións.
En Fene existe unha programación estable que merece unha reformulación. A sociedade de Fene pode e debe xogar un importante papel á hora de transformar os programas clásicos no noso Concello. Presentaremos propostas para acordar a recuperación do Entroido tradicional intentando retomar o carácter de festa popular e participativa. Escolas culturais, ciclo de nadal, etc., son programas clásicos que teñen que entrar no debate e reformulación xeral para os programas estables, adaptándose ás necesidades que os cambios sociais teñen xerado en Fene.
Propostas que impliquen a todos os departamentos que traballan en temas sociais, con criterios que primen a conciliación, a diversidade e a utilización da nosa lingua como elemento vertebrador teñen que xogar un papel preponderante nas nosas propostas de contarmos co apoio do pobo o vindeiro 28 de maio.


8.2.-Ensino
As evidentes ameazas que o ensino público de Fene vén sufrindo nos últimos anos fainos ser belixerantes na defensa, non só da necesidade da mellora do ensino público, senón e sobre todo, da propia existencia dos centros de ensino públicos. Esixiremos da Xunta de Galicia a a mellora do equipamento e a dotación de medios humanos e materiais de todos os centros de Fene.
Como non podía ser doutro xeito, adoptando unha política de defensa activa, seguiremos colaborando no deseño, planificación e apoio aos servizos complementarios, como os comedores escolares, as actividades extraescolares e o axeitado mantemento dos centros.


8.3.-Deportes
A práctica de actividades físico-deportivas é un elemento de benestar social e unha das bases do desenvolvemento persoal e de fomento de hábitos saudábeis.
A política de facilitar o deporte para todos e todas que ten caracterizado as propostas do BNG para Fene seguirá a ser o núcleo do noso programa para deportes. Políticas tendentes a facilitar o acceso de toda a poboación, non só aos deportes maioritarios, senón tamén a prácticas deportivas innovadoras para a poboación de Fene, de xeito que todos e todas teñan posibilidade de coñecelos e practicalos.
Ademais intentaremos dar resposta a novas prácticas e actividades deportivas que demandarán de nós propostas para os vindeiros catro anos.
Actividades:
Diversificar as escolas deportivas municipais.
Planificar os eventos propios e colaborar coas sociedades deportivas na organización de actividades colectivas como rutas ciclistas, sendeiristas, torneos e outras.
Programación de campionatos e torneos recreativos de Fútbol 7, fútbol sala, balonmán, ou baloncesto para as persoas adultas.
Promoción dos deportes tradicionais galegos, impulsando a súa recuperación, a organización de competicións a nivel local ou comarcal e a colaboración con agrupacións de deporte de base que están a traballar nese sentido, coma é o caso da chave ou a billarda.
Manter o Deporte na Rúa como unha festa do deporte anual.
Colaborar cos centros de ensino para a promoción deportiva en horario escolar.
Promoción do transporte saudábel coa potenciación do uso da bicicleta.
Dinamización dos parques biosaudábeis, pistas polideportivas e pavillóns para actividades saudábeis e programas de deporte para todas as persoas.
Promoción da igualdade de xénero no deporte, impulsando actividades concretas con asociacións e colectivos xuvenís específicos.
Recoñecer ao colectivo de deportistas, clubs, persoal técnico e directivo anualmente.
Instalacións:
Remodelación e mellora das instalacións existentes estudando a súa adaptación para deportes
que actualmente non contan con infraestruturas municipais, coma o pádel, skate, escalada, btt, ou outros.
Creación dun circuíto para ciclismo e patinaxe (pump track), na parcela deportiva da Avenida das Pías.
Ampliación dos vestiarios da piscina municipal.
Creación de circuítos saudábeis sobre rúas e camiños onde se poida camiñar, correr ou ir sobre rodas con seguridade e preferencia sobre os automóbiles.
Crear un módulo cuberto para o atletismo nas pistas de Barallobre que serviría tamén como aula de prácticas para educación física do alumando do IES.
Crear novas instalacións para deportes náuticos en Barallobre.


8.4.-Normalización Lingüística
No BNG temos asumido que as administracións locais teñen a responsabilidade de promocionar do uso normal do galego.
A normalización do uso da nosa lingua na administración municipal ten sido un dos obxectivos do noso traballo á fronte do concello, pero aínda queda moito por facer para que o galego ocupe o lugar que, por dereito propio, lle corresponde.
Seguiremos a impulsar unha administración que dea exemplo en canto a un uso normalizado da nosa lingua.
Promoveremos programas de extensión do uso oral do galego entre o persoal da administración pública e das empresas concesionarias a través dun plano de formación lingüística ao servizo dos traballadores e traballadoras.
Seguiremos a ofertar actividades de dinamización lingüística entre a infancia e a mocidade como o “Verán máis alá” que fortalezan a creación de novos ámbitos de uso da lingua.
Programaremos actividades de dinamización lingüística co movemento asociativo.
Apoiaremos e promoveremos as propostas que xurdan dende distintos sectores ou entidades cara ao fomento social da lingua.


8.5.-Tecnoloxías da información e a comunicación
Intensificaremos as iniciativas de formación-dinamización dixital con cursos e obradoiros dirixidos á poboación en xeral e colectivos con demandas específicas.
Divulgaremos e promoveremos, mediante a formación e distribución de ferramentas informáticas e o uso de software libre.
Daremos a coñecer e promoveremos o uso, coa organización de obradoiros e xornadas, das ferramentas informáticas en galego e os recursos na nosa lingua que hai na Internet.
Promoveremos a formación da poboación en xeral nos novos usos da internet, administración electrónica, compras on-line, as redes sociais e a importancia da pegada dixital e a seguridade na rede.
Desenvolveremos o web https://fene.gal/ para facilitar xestións on-line e implantar totalmente a administración electrónica.
A Radio Fene debe continuar o seu papel pioneiro dentro do movemento das emisoras municipais galegas e impulsar a programación conxunta das radios públicas locais de toda Galiza. Así mesmo, debe reforzar o seu papel de canle de comunicación e información para toda a veciñanza, o conxunto do movemento asociativo e a propia corporación municipal. Consideramos tamén de importancia o seu apoio ao tecido deportivo de Fene e, nese sentido, débese recuperar a programación específica que se mantiña nese terreo. A radio debe xogar un papel fundamental na educación dos nosos nenos e nenas promovendo a radio na escola como parte da súa educación.
impulsaremos a implantación de fibra en todo o concello xa que, actualmente, é un servizo básico máis.


9.-Facenda


O rigor no cumprimento da actual normativa en materia orzamentaria será un primeiro obxectivo que nos permitirá investir os remanentes en aplicar moitas medidas das que recollemos neste programa.
Revisaremos as ordenanzas fiscais actualizando e mellorando os seus contidos e obxectivos sempre desde un punto de vista progresivo e con exencións para as rendas máis baixas.
Realizaremos orzamentos anuais explicados e compartidos coa veciñanza que incluirán plans plurianuais de actuación.
Subiremos progresivamente as subvencións de concorrencia competitiva ás sociedades. As subvencións nominativas serán só para actos de interese xeral de carácter puntual.


10.-A Mancomunidade de municipios de Ferrolterra e a colaboración entre concellos


Fene ten que liderar as iniciativas da marxe sur da ría. A nivel supramunicipal existen moitas posibilidades de actuación conxunta que facilitarán acadar servizos dificilmente alcanzábeis en solitario. O punto limpo (Fene,Cabanas e Ares), o servizo de auga potable ou a EDAR, o parque empresarial de Vilar do Colo (Fene, Cabanas) son exemplos do que se pode facer en conxunto e coa colaboración municipal.
A Mancomunidade ten que cumprir un importante papel nun futuro a curto, medio e longo prazo. A asunción progresiva de servizos por parte do ente mancomunado e o apoio desa liña de actuación desde a Xunta de Galicia, permitirán aforros económicos. O turismo, a recadación de tributos ou o servizo de recollida selectiva do lixo poden ser das primeiras iniciativas a mancomunar.


11.-Medidas parroquiais


No programa do BNG queremos comprometer obras concretas en cada unha das parroquias do Concello. Compromisos reais de obras reais a realizar ou xestionar diante doutras administracións durante os vindeiros catro anos.


Limodre
• Mellora de accesos ás praias, rúa Fonte e Camiño de Almieiras.
• Reordenación e mellora do cruce Limodre- Redes.
• Beirarrúas, auga e saneamento ate o límite con Cabanas
• Beirarrúas ata a Armada
• Senda peonil a Vilar do Colo.


Maniños
• Re-urbanización do Chao da Aldea e do entorno do parque do Río da Pena.
• Remate das beirarrúas na estrada da Armada.
• Conexión do paseo marítimo dende o peirao de Maniños ata Mugardos.
• Nova ponte sobre a vía na Vrea
• Conexión de Prismos e Cornide coa estrada do Vilar do Colo
• Dotar de uso ao muíño do río Baa
• Mellorar a contorna da praia


Barallobre
• Zona lúdico- deportiva no peirao de Barallobre.
• Reordenación do entronque da estrada provincial Barallobre – San Marcos coa N-651.
• Senda peonil desde O Pazo ata o cemiterio municipal
• Modulo de atletismo nas pistas de atletismo.


Magalofes
• Axilización do abastecemento de auga a Magalofes.
• Sendas peonís en Rego da Moa e nacemento do Río Magalofes ata o Castro e que baixe polos muíños ata Santa Ana
• Evitar a desaparición dos baldíos sinalizándoos e plantándoos con especies autóctonas
• Conseguir a cesión da propiedade dos terreos onde está situado o Castro


Sillobre
• Habilitación de sendas peonís nos camiños existentes e nas beiras dos ríos Xarrón e Belelle.
• Axilización do saneamento e a traída da auga ao conxunto da parroquia.
• Acondicionamento do vertedoiro de Marraxón como miradoiro
• Colaborar coa Comunidade de Montes de Marraxón na posta en valor do monte impulsando proxectos de plantación de árbores, educativos e ambientais
• Mellora e recuperación dos camiños municipais en mal estado


Perlío – Fene – San Valentín
• Adquisición de terreos para a construción do centro de día para a terceira idade.
• Adquisición de terreos para o auditorio.
• Rematar a casa do Parque Castelao e darlle un uso turístico.
• Xeración de novas áreas de estacionamento.
• Construción dun pump-track para bicicletas e un parque de patinaxe.
• Construción de pasos seguros na liña do ferrocarril en Perlío.
• Unir o parque do río Cádavo en Fene con Perlío
• Nova rúa de unión da Avenida do Tarrío con Marqués de Figueroa.
• Re-urbanización do entorno da Casa da Cultura e Fonte do Campo.
• Rúa paralela ao Río Cádavo conectando a rúa do Concello e a rúa dos Muíños.
• Ampliación do camiño da Casanova e remodelación do cruce coa Avenida Naturais de Fene.
• Rematar a re-urbanización de San Valentín.
• Xestionar o soterramento das liñas de alta tensión en San Valentín.
• Mellora da seguridade viaria.
• Adecuación como rueiros seguros a Rúa Travesa, Camiño de Mundín, Rúa Maroño, Camiño do Sartego e Fonte do Campo.