Moción urxente sobre fuga de augas residuais en Sillobre

Moción urxente sobre fuga de augas residuais en Sillobre

Juventino Trigo Rey, portavoz do BNG no Concello de Fene presenta ao Pleno Municipal, ao abeiro da lexislación vixente, a seguinte Moción Urxente.

 

O Concello de Fene, como todos os concellos, ten competencia na planificación, extensión e xestión do servizo de saneamento. Tamén ten como competencia básica a protección do medio ambiente e a protección da salubridade pública.  Tendo en conta o anterior e sendo coñecedores dunha importantísima fuga de augas residuais en Sillobre  é polo que propoñemos esta moción urxente.

 
O Alcalde e o Concelleiro responsable son coñecedores que existe este problema dende hai varios meses. As tubaxes do saneamento están desmontadas no inicio do Camiño Real  polo lado da rúa Doutor Sixto Mauriz. No tramo de saneamento que vai entre a rúa da Calzada e o Camiño Real paralelo á rúa Doutor Sixto Mauriz existe un muro de contención. O muro de contención finaliza ao chegar ao Camiño Real, o tramo municipal so conta como contención cunhas pedras de escollera. Neste tramo municipal sen muro de contención é no que o saneamento se atopa en malas condicións de funcionamento debido á inconsistencia do terreo. O problema das fugas do saneamento e a erosión do terreo da contorna vese agravado polo sistema de bombeo que impulsa o saneamento dende a rúa da Calzada. Cando este bombeo entra en funcionamento as augas residuais saen literalmente a presión,  acelerando o proceso de erosión do terreo. É moi chamativo e xera alarma entre a veciñanza ademais de encher o Camiño Real de augas residuais que se dirixen cara o río.


O Concello de Fene ten concesionado o servizo de saneamento á empresa Viaqua.  Polos datos que temos é polo que se ve no lugar a ausencia de contención do terreo é a que provoca a desmontaxe da tubaxe de saneamento. Polo tanto ás medidas a tomar teñen que ir en dúas liñas, realizar a contención do terreo municipal no Camiño Real  e por outra a reposición ou recolocación da tubaxe por parte da concesionaria. O Concello conta cunha partida para imprevistos e urxencias de 150.000€. 
Por todo o exposto é polo que se propón ao Pleno da Corporación a adopción do seguinte acordo:
-.Instar ao Alcalde a arranxar a maior brevidade posible o problema existente no Camiño Real de verquidos de augas residuais por falta de contención do terreo.

 
Fene, 2 de setembro de 2019

Moción urxente sobre fuga de augas residuais en Sillobre