MOCIÓN DE REPROBACIÓN DO GOBERNO LOCAL E PETICIÓN DE DIMISIÓN DO ALCALDE DE FENE GUMERSINDO GALEGO FEAL

2019120320152344754
2019120320152344800
MOCIÓN DE REPROBACIÓN DO GOBERNO LOCAL E PETICIÓN DE DIMISIÓN DO ALCALDE DE FENE GUMERSINDO GALEGO FEAL

Exposición de Motivos:


Os concellos son peza fundamental na organización administrativa de Galiza. Son a administración máis próxima á veciñanza, e teñen competencias básicas que garanten o benestar do pobo. Dende o ano 1979 as corporacións son electas democraticamente por sufraxio universal en listas pechadas. A corporación electa cada catro anos xura ou promete o cargo; e este feito implica no cargo público unha obriga de cumprir e facer cumprir os acordos, normas e leis.

Dentro deses dereitos e obrigas dos membros da corporación a alcaldía ten uns específicos, propios do cargo sendo un órgano en si mesmo á hora de ditar resolucións, bandos, aprobar gastos, presidir o Pleno e actuar en representación do municipio, entre outros.

Desde o inicio do presente mandato o pasado 15 de xuño, observamos con preocupación como o goberno municipal está paralizado, actúa errático e sen dirección. Perderon varias subvencións, algunha delas que nin foron conscientes da súa existencia, por citar algunha; a subvención a Concellos da Deputación da Coruña para a realización de actividades en materia de medio ambiente durante o ano 2019, a subvención do programa “O teu Xacobeo” da Xunta de Galiza para promocionar o Camiño ou a solicitude das actividades que desenvolve o Fondo Galego de Cooperación que non se presentaron en prazo; ademais de por en risco o propio POS 2020 que a día de hoxe está sen aprobar.

Contan cun orzamento para este ano2019 feito por vostedes no mandato anterior con maioría absoluta, e descubrimos en setembro pasado que estaba sen fondos para actividades comprometidas como a Festa Mariñeira ou Deporte na Rúa. En outubro vimos con sorpresa que o seu orzamento non chegaba para pagar o gasóleo dende maio. Logo para resolver a situación propoñen modificacións de creto para pago de facturas das que non dan explicación algunha; en definitiva unha xestión orzamentaria sen control, nefasta e escurantista.

En canto ao seu xeito de entender as súas funcións, temos que lembrar que os acordos Plenarios acadados co voto de todos os grupos deben ser de obrigado cumprimento, e máis aqueles, como o expediente para a desafección do servizo educativo da escola de Magalofes e a posterior substitución da antena que nela se atopa, á que se comprometeron traer a este Pleno.

Coa súa neglixente actuación demostran ser irresponsables, non coa oposición, senón cos veciños e veciñas de Fene.

A esta situación de parálise, sen traza de orzamentos para o ano 2020, sen información da revisión do PXOM, sen capacidade de xestionar o básico como o servizo de augas, a limpeza viaria, ou a recollida do lixo; a xestión do persoal, cun deterioro total das relacións laborais dentro do Concello, temos que engadirlle unha situación excepcional: a comisión dun delito por parte do rexedor.

Un delito penal, con sentenza firme contra a seguridade viaria. O simple feito de saltarse a súa promesa de cumprir as leis debería implicar a súa inmediata dimisión. Non falamos xa que logo dunha cuestión administrativa, non falamos dun conflito de intereses entre dous dereitos diferentes que podan colidir. Falamos dun delito penal contra a seguridade viaria, a condución baixo os efectos do alcol nas rúas do concello que dirixe, superando en máis de tres veces o máximo legal permitido. A propia DXT indica no seu informe de 2018 que o 43% das mortes en accidentes de tráfico debéronse a conducir baixo os efectos do alcol ou outras drogas.

Ser inconsciente de conducir baixo os efectos do alcol, tal e como declarou publicamente, lévanos a pensar en cantas decisións ten tomado nesas circunstancias. Todo isto fai que perdamos toda confianza no seu xuízo. Isto deberíao levar a reflexionar se nestas condicións paga a pena atrincheirarse no cargo.

Os grupos municipais do BNG e do Grupo Mixto EU-IU entendemos que o alcalde debe dar exemplo, ter unha conduta ao nivel co cargo que ostenta e non antepor os intereses persoais aos da institución á que representa.

Afirmou publicamente que deixara o PP para non prexudicalo, entón queda de Alcalde para prexudicarnos aos veciños e veciñas de Fene?

Afirmou publicamente que non era consciente de triplicar a taxa de alcol permitido, incluso negou este extremo na radio municipal, cando é público que superou a taxa en máis de tres veces e polo tanto a Garda Civil denúnciao por cometer un delito.

Afirmou que se pasa a ser non adscrito, colocándose vostede no limbo da política; ese espazo creado para tránsfugas, expulsados e agora para os que incumpren a lei.

Ten ante si a oportunidade de saír con certa dignidade do posto, ten a opción de que
isto pase axiña e de que o Concello de Fene saia nos medios pola boa xestión, por transformar a sociedade, por innovacións e en definitiva por mellorar a calidade de vida do noso pobo e non por lamentables sucesos como os que o alcalde actual ten
protagonizado.

Por todo o exposto o GM do BNG e GM Mixto EU, solicitamos ao Pleno a adopción dos seguintes acordos:


1. Reprobar a xestión deficiente e neglixente do goberno municipal encabezado polo alcalde Gumersindo Galego Feal en relación ás materias de facenda, promoción económica, servizos, e benestar social con perdas de subvencións, incumprimento de acordos plenarios, omisión da legalidade en materia de contratación e de persoal entre outros.


2. Esixir do Alcalde Gumersindo Galego Feal a inmediata dimisión pola súa condena por un delito contra a seguridade viaria, e a súa actitude, moi distante do que se agarda da persoa que ostenta a alcaldía.


3. Dar conta deste acordo á dirección política do PPdeG nomeadamente ao seu Presidente Alberto Núñez Feixoo e o seu Secretario Xeral Miguel Ángel Tellado

 


Fene, 3 de decembro de 2019

Asinado polxs portavoces do GM do BNG e o GM EU-IU

MOCIÓN DE REPROBACIÓN DO GOBERNO LOCAL E PETICIÓN DE DIMISIÓN DO ALCALDE DE FENE GUMERSINDO GALEGO FEAL